Desde o ano 2006 a asociación Castelo Deporte desenvolve diferentes actividades na parroquia de Castelo e en diferentes puntos do Concello de Culleredo, algunhas delas con periodicidade anual e na actualidade, outras tantas forman xa parte do histórico da entidade:

fútbol sala / Castelo Deporte (2006 – …)

Maratón de fútbol sala que cada verán ten lugar na polideportiva de Castelo (Culleredo). Polo campionato teñen pasado algúns dos mellores xogadores de Galicia, mesmo participantes na categoría de División de Honra da LNFS. En 2014, ten lugar o 23 e o 24 de agosto, dentro da programación das festas de Castelo.

carreiras de montaña / Travesía do Xalo (2010 – …)

Unha das carreiras de montaña máis prestixiosas de Galicia ten lugar a última fin de semana do mes de abril do monte Xalo e está organizada pola asociación Castelo Deporte. Centos de amantes do deporte de montaña percorren unha ruta de 21 quilómetros, coa alternativa dunha andaina paralela.

carreiras populares / Carreira pola Ría do Burgo (2012 – …)

O paseo marítimo da localidade cullerdense do Burgo vístese de gala a primeira semana do mes de xuño para acoller a carreira popular pola ría. Unha marcha multitudinaria na que se deron cita ata 1000 persoas na última edición, que contou ademais cunha vertente infantil nun percorrido paralelo ao carón da ría.

mountain-bike / Marcha BTT ao Xalo (2014 – …)

Por primeira vez, e en homenaxe ao ex-ciclista profesional Miguel Manteiga, ata cen persoas déronse cita en Castelo para realizar un percorrido por algúns lugares máis singulares do Monte Xalo nunha marcha festiva que rematou en churrascada popular.

mountain-bike / Descenso ao Xalo (2011 – 2012)

En colaboración co clube cullerdense School Riders Team, Castelo Deporte organizou no durante dous anos a primeira proba do Campionato Galego de Descenso, da Federación Galega de Ciclismo. Un percorrido que remataba na parroquia de Celas de Peiro que contou cunha espectacular asistencia de público e participantes.

fútbol sala / Castelo Non Para (2011 – 2013)

No polideportivo de Tarrío tivo lugar durante tres anos consecutivos un maratón de fútbol sala de vintecatro horas de duración no que non faltaron algúns dos mellores equipos da comarca. Tradicionalmente foi a actividade que abría o ano da asociación, no mes de marzo.

fútbol sala / Liga de Fútbol Culleredo Mocidade (2010)

Durante tres meses a asociación desenvolveu unha competición por todas as polideportivas descubertas do concello de Culleredo, con equipos de case todas as parroquias, nunha actividade que pretendía dinamizar os diferentes núcleos do concello e poñer en valor os recursos dos mesmos para a práctica deportiva.

música / Castelo Music Festival (2009 – 2013)

Cada mes de agosto, e coincidindo co campionato de fútbol sala, a asociación desenvolveu durante tres anos un festival de música no que actuaron bandas da talla dos Skarallaos, Heredeiros da Crus ou Zënzar entre outros.

boxeo / Velada de boxeo e kick boxing (2012)

Unha das poucas veladas ao aire libre de Galicia iniciou a súa andaina no ano 2012 na polideportiva de Castelo. Máis de duascentas persoas déronse cita na parroquia cullerdense para asistir a sete combates nos que participaron boxeadores locais e de toda Galicia nun sensacional espectáculo.

tenis / Castelo Deporte (2009 – 2010)

Ata catorce foron os participantes en cada unha das edicións, que sorprenderon polo nivel dos deportistas que se deron cita no recinto cullerdense. Durante varias horas, nalgúns casos, prolongáronse os partidos aos que asistiu numeroso público que gozou coa profesionalidade dos tenistas participantes.

poliA polideportiva de Castelo, na última edición do campionato de fútbol sala.


Non hai comentarios.

Responder

Podes usar estas etiquetas e atributos HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>