A Xunta Directiva da asociación Castelo Deporte acordou, nunha xuntanza a pasada semana, convocar para este xoves, 28 de decembro, unha asemblea aberta extraordinaria na que o órgano de goberno actual da entidade ten previsto presentar a súa demisión para propor un novo grupo directivo.

O novo ano chegará con cambios na asociación Castelo Deporte. En concreto, coa proposta dunha nova Xunta Directiva, logo da renuncia de todos os membros da actual co obxectivo de favorecer unha xestión máis eficaz a todos os niveis e así garantir o futuro da entidade.

Por esta razón, o equipo directivo decidiu convocar para este xoves, 28 de decembro, ás 20.30 horas no Centro Social de Castelo, unha xuntanza extraordinaria cun dobre obxectivo: ratificar os cambios na estrutura organizativa, e poñer en marcha os equipos de traballo encargados de dar forma á programación de actividades da entidade de cara ao novo ano.

Pola directiva actual farase unha proposta sobre os membros do novo órgano de goberno da asociación, que presumiblemente conformarán unha candidatura ás eleccións nas que se escollerá ao novo equipo.