Castelo prepárase para a actividade estrela na programación das súas festas deste ano. O Castelo Conta reunirá o sábado 26 de agosto a moitos dos mellores cómicos do noso país nunha andaina inédita que percorrerá as aldeas da parroquia, con paradas en cada unha delas nas que Evaristo Calvo e Cándido Pazó serán os encargados de entreter aos participantes en diferentes contadas antes de seguir coa ruta.

O percorrido partirá de Folgueira ás 17.00 horas, para avanzar polos lugares de Xalo, Castelo de Abaixo, Donepedre, Vilaverde e Xian, para rematar contra as 21.00 na polideportiva de Castelo.

Xa á noite terá lugar unha cea na que os participantes poderán repoñer forzas, antes de gozar cun espectáculo de monólogos con Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, David Amor, Federico Pérez, Oswaldo Digón e Carmen Méndez.

O Castelo Conta dispón dunha páxina web propia na que os interesados poden atopar toda a información relativa a esta cita, para a que as inscricións e a venda de entradas está xa en marcha, con prazas limitadas.