Castelo Deporte actívase para un 2023 cargado de actividade

A asociación aproveita o comezo do ano para consolidar a súa base social, de ao redor de 200 asociadas e asociados, nun ano no que se celebrará a décimo segunda edición da Travesía do Xalo, e a Nocturna do Xalo cumprirá cinco anos.

Castelo Deporte prepárase para o 2023. A directiva da asociación traballa nestes días nas liñas sobre as que camiñará durante este ano, de continuidade no que ten que ver coas actividades a organizar, pero de consolidación no que ten que ver coa estrutura da entidade.

Logo de varios anos de transición, por mor da pandemia, a asociación busca agora reforzar a súa organización interna para facer valer a forza dos seus case 200 socias e socios, segundo os rexistros previos ao 2020. É por iso que neste comezo de ano procurará rexistrar novas altas, así como confirmar a condición de asociadas e asociados daquelas persoas que forman parte dos rexistros da entidade desde hai anos.

Todo co obxectivo de seguir sendo unha das asociacións máis activas de Culleredo, e participar así das distintas axendas deportivas e culturais promovidas polo Concello ou a Deputación da Coruña.

No relativo ás actividades habituáis da asociación, 2023 será un ano de continuidade: o 30 de abril terá lugar a duodécima edición da Travesía do Xalo, e en novembro a Nocturna do Xalo cumprirá cinco anos.

Ademais, Castelo Deporte colaborará na organización dunha nova edición do festival Castelo Conta, no mes de agosto, e organizará periodicamente andainas en distintos puntos de Galicia.

A posibilidade de facerse socia ou socio da entidade está aberta a través desta mesma páxina web, accedendo á inscrición preferente para as actividades da asociación, un novo modelo de camiseta cada ano, entradas para o Castelo Conta, e boletíns informativos mensuais a través de correo electrónico.