Na última semana do prazo de inscricións, a organización do evento leva o límite de participantes ata os 450, logo das decenas de mensaxes recibidas de participantes que quedaron sen praza.

 

Novo éxito de participación na andaina da Travesía do Xalo. A unha semana do remate do prazo establecido pola organización para a inscrición o cupo está xa cuberto. É por isto que a asociación Castelo Deporte decidiu ampliar ata os 450 participantes o límite de prazas dispoñibles para percorrer os dez quilómetros polo Xalo o domingo 29 de abril.

O venres 20 de abril remata o prazo de inscricións, tamén para a carreira, que acumula xa máis de douscentos inscritos, incluídos os participantes nas carreiras para os máis pequenos.

As inscricións pódense realizar nos enlaces habilitados na web da Travesía do Xalo. Como novidade, Castelo Deporte destina o 10% da recadación das inscricións á Asociación contra o Cancro.