Castelo Deporte apraza a Travesía do Xalo para o 26 de xullo

A carreira e a andaina polo Xalo deixan por un ano a data do último domingo de abril atendendo ás recomendacións sanitarias, polas dúbidas que polo momento existen sobre a evolución do coronavirus COVID-19 en Galicia.

A directiva en funcións de Castelo Deporte decidiu o aprazamento da Travesía do Xalo para o domingo 26 de xullo. Deste xeito, celebrarase no marco das festas do Santiago Apóstolo en Castelo, e unificarase coa tradicional carreira e andaina organizada pola Comisión de Festas, mantendo as habituáis distancias e modalidades (carreira de 21 quilómetros, carreira de 10 quilómetros e andaina).

As dúbidas que ata o momento existen sobre a evolución do coronavirus COVID-19 en Galicia e as medidas de contención que poida determinar a Xunta aconsellaban, segundo valorou a directiva da asociación, o aprazamento da proba, garantindo deste xeito a seguridade dos participantes, e a posibilidade dunha maior participación noutra data.

Será a primeira vez en varios anos que a Travesía do Xalo non se celebre o derradeiro domingo do mes de abril. Con este aprazamento, o verán do 2020 será en Castelo especialmente intenso, coa maior proba deportiva que se celebra no Xalo no mes de xullo, e o festival Castelo Conta a finais de agosto.

Todos aqueles participantes xa anotados poderán escoller entre manter a súa participación para a nova data ou solicitar a devolución do importe da inscrición. Emesports contactará con todos eles nas próximas horas comunicando o procedemento a seguir.