Castelo Deporte suspende ata o próximo ano a Travesía do Xalo

A carreira e a andaina polo Xalo non se celebrarán no 2020. A asociación cullerdense decide suspender a proba logo de aprazala en dúas ocasións pola situación sanitaria.

A directiva en funcións de Castelo Deporte decidiu a suspensión da Travesía do Xalo neste ano. Priorízase así o criterio de prudencia, “que nesta etapa de nova normalidade debe guiar o comportamento de todas e todos”, a xuizo da asociación.

O acordo segue a liña iniciada pola Comisión de Festas de Castelo, que a pasada semana anunciou a suspensión do festival Castelo Conta, previsto para a última semana de agosto, para protexer ás veciñas e aos veciños de Castelo, obxectivo que comparte Castelo Deporte.

A asociación decide apostar pola reactivación das súas actividades a curto prazo, e traballa xa na organización doutras actividades no outono, como saídas para grupos reducidos.

Os participantes xa anotados recibirán nos próximos días o reembolso das súas inscricións.