Castelo prepárase para a volta do Castelo Conta

O festival celebrarase entre o 22 e o 28 de agosto, e encherá de actividade cultural a parroquia, con eventos en todas as aldeas e para todas as idades. Castelo Deporte colaborará co festival con máis de cincuenta voluntarios.

Presentación do festival, no Campo da Capela de San Ramón. Foto: Aigi Boga

Castelo recupera a súa posición privilexiada no mapa da actividade cultural en Galicia. O Castelo Conta está de volta, cunha programación ampla e diversa que encherá cada lugar da parroquia de teatro e música a partir do próximo 22 de agosto.

Logo de dous anos sen celebrarse, o festival que dirixe Xosé A. Touriñán terá unha duración de sete días, con actividades polas mañás, polas tardes e polas noites, dirixidas a todo tipo de públicos.

As cativas e cativos desfrutarán dunha programación lúdico-educativa todas as mañás, nunha nova edición de Xente Miúda do Castelo Conta, para o que está aberta a inscrición na web do festival, e que prepara actividades de papiroflexia, rutas de sendeirismo, un obradoiro musical e teatral, unha plantación simbólica de especies autóctonas no Xalo, ou xogos tradicionais, entre outras dinámicas.

Ás tardes as persoas máis maiores reuniranse, cada día nunha aldea, para falar de música, ou para lembrar tempos pasados a través de vídeos e fotografías antigas. Cada encontro rematará con música ou teatro: o luns en Castelo de Abaixo, o martes e o mércores en Folgueira, o xoves en Vilaverde e o venres en Xalo.

A programación de espectáculos do festival desenvolverase ao longo de toda a semana: Sés, Caamaño & Ameixeiras, o espectáculo de música latina Son Boleros, ou os espectáculos teatrais As Fillas Bravas, Hoy puede ser mi gran noche, Saabor! e Quixote, forman parte dun calendario que terá os seus pratos fortes a fin de semana.

O xoves, Somos Criminais 3 encherá de comedia a polideportiva de Castelo, e o concerto de Xurxo Fernandes será o colofón da xornada. O venres, e logo da churrascada, terán lugar os concertos de Guadi Galego, Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre e Moura.

O sábado, día grande do Castelo Conta, terá lugar a tradicional andaina polos lugares de Castelo, co acompañamento de Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila. Á noite, o gran espectáculo de monólogos -acompañado pola música de Galifunk Brass- reunirá a Xosé A. Touriñán, David Amor, David Perdomo, Javier Veiga, Noemí Rodríguez, Darlene Rodríguez, Isabel Risco, Oswaldo Digón, Pepo Suevos e Patricia Castrillón.

Xa o domingo, e logo da romaría do San Ramón, Sito Sedes será o encargado de poñer o punto e final á programación do Castelo Conta.

Na web do festival, www.casteloconta.gal, é posible consultar toda a programación, así como mercar as entradas ou reservar os convites para todas as actividades.

Máis de cincuenta voluntarios da asociación Castelo Deporte uniranse á Comisión de Festas de Castelo e ás veciñas e veciños da parroquia na organización do evento.