O 29 de abril o Xalo recibirá por noveno ano consecutivo a máis de cincocentos corredores nunha nova edición dunha das probas deportivas mellor valoradas do calendario en Galicia. A carreira desta edición será a máis longa das celebradas ata agora, con 23,53 km. Haberá, como é habitual, unha andaina popular, ademais de carreiras para os máis pequenos e a tradicional festa coa que cada ano remata o evento máis multitudinario dos organizados pola asociación Castelo Deporte.

Nove anos despois de que pouco máis de cen corredores descubriran as posibilidades do Monte Xalo como escenario dunha carreira de montaña, a xa consolidada proba organizada por Castelo Deporte volve ao calendario, desta volta ubicada no domingo 29 de abril.

23,53 serán os quilómetros que os participantes na proba absoluta terán que percorrer desde as 9.15 horas con saída e chegada na parroquia cullerdense de Castelo. Varios puntos de avituallamento axudaranlles a afrontar as dificultades dunha travesía que presume da súa complexidade técnica: precisamente o máis valorado polos habituáis deste tipo de probas.

Paralelamente, e como é habitual, a andaina. Uns 10 quilómetros para que percorra calquera afeccionado ao monte, á natureza, ás paisaxes.

Unha gran festa con churrascada incluída pechará unha xornada de deporte co Xalo como protagonista (tamén para os máis pequenos, que gozarán das súas propias carreiras con distancias reducidas). Haberá un servizo de ludoteca durante toda a mañá, e á tarde música en directo.

Como novidade para esta novena edición, a nota solidaria: o 10% da recadación estará destinada á Asociación Española contra o Cancro.

As inscricións están abertas ata o 21 de abril en www.travesiadoxalo.gal.