castelo

Situada ao sueste de Culleredo, Castelo é unha poboación nomeadamente rural que habitan pouco máis de trescentos veciños. A actividade económica principal que destaca na parroquia é a agricultura e a gandeiría en niveis de autoabastecemento, xa que a meirande parte da poboación traballa fóra do lugar.

Accédese a Castelo a través de seis vías, desde Carral (entrando por Vilaverde), desde Celas de Peiro (entrando por Xalo), desde o monte Xalo, desde Cabrois (entrando por Xian), desde Ledoño (entrando por Castelo de Abaixo) e desde Tabeaio (por Folgueira). Castelo é polo tanto un pequeno cruce de camiños, a entrada ao monte Xalo pola súa vertente de Culleredo, un lugar moi especial pola súa flora, pola súa ubicación e tamén, polas súas festas.

Destaca en Castelo a capela de San Ramón, a igrexa de Santiago e o cruceiro. Lonxe deste tipo de iconas, é importante falar do amplo campo da festa (un dos máis grandes en extensión da comarca), onde se celebra unha gran churrascada o último venres do mes de agosto, en coincidencia co San Ramón. Castelo ten ademais a polideportiva ao aire libre mellor equipada de Culleredo, cunha ampla cuberta e situada nun lugar privilexiado.

Catro entidades dan vida á parroquia durante todo o ano

Nos seis lugares da parroquia de Castelo (Folgueira, Castelo de Abaixo, Xian, Xalo, Vilaverde e Donepedre), convive un movemento veciñal organizado ao redor de catro entidades socioculturais e de veciños. Son a Comunidade de Montes de Mancomún de Castelo, que agrupa aos propietarios das parcelas que compoñen a parte do Xalo que corresponde á parroquia, responsable legal da polideportiva de Castelo e do campo da festa; a Asociación de Veciños de Castelo, con sede no local social Folgueira – Castelo, é unha entidade que agrupa a uns cen veciños da parroquia e organiza diferentes actividades, especialmente dirixidas aos máis maiores, ao longo do ano; a Comisión de Festas de Castelo, encargada de organizar os festexos dos dous patróns da parroquia, Santiago Apóstolo e San Ramón, e a asociación Castelo Deporte, unha das asociacións máis activas e dinámicas da provincia, que organiza actividades deportivas e culturais tanto en Castelo como no resto do concello, impulsora dun campionato de fútbol sala que conta xa oito edicións, asi como do festival Castelo Son, que celebrou cinco edicións na parroquia.

Xosé A. Touriñán e Miguel Manteiga, as caras coñecidas de Castelo

Ademais de pola súa estratéxica ubicación como porta de entrada ao Xalo, Castelo é coñecido por contar entre os seus veciños con Xosé Antonio Touriñán, o actor, presentador e humorista de máis éxito na actualidade da Televisión de Galicia, e con Miguel Manteiga (exciclista profesional).


Non hai comentarios.

Responder

Podes usar estas etiquetas e atributos HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>