O sábado 24 de novembro o Xalo acollerá a primeira edición dunha proba nocturna inédita que contará coa dobre modalidade de carreira e andaina.

A primeira proba nocturna organizada por Castelo Deporte no Monte Xalo ten xa data. O sábado 24 de novembro máis de trescentas persoas percorrerán as súas sendas e camiños nas modalidades de carreira (12 km.) ou andaina (10 km.), en plena noite (as saídas están previstas a partir das 19.00 horas).

A seguridade será o primeiro e máis importante obxectivo da organización, que contará con decenas de voluntarias e voluntarios repartidos polo monte, un equipo médico na zona de saída e meta, e un percorrido sinalizado con cinta reflectante especial. Ademais, os frontais serán obrigatorios para os participantes en calquera das probas.

O número de inscritos estará limitado a 150 en cada unha das probas, e as inscricións están abertas desde hoxe a través da web da proba, www.nocturnadoxalo.gal, e ata o martes 20 de novembro.

O evento rematará, como é habitual nas actividades organizadas en Castelo, cunha churrascada organizada polas veciñas e veciños da parroquia, na pista polideportiva.

Toda a información sobre distancias, percorridos ou regulamento pódese consultar na web da actividade.