Dentro da programación de actividades de ‘O Castelo Conta dos pequenos’ está previsto que o martes 21 as nenas e nenos suban ao Xalo para participar nunha ruta de sendeirismo teatralizada.

 

Foi en xuño do 2015 cando Castelo Deporte tivo a ocasión de organizar unha das actividades máis fermosas de todas cantas tivo promovido nos seus doce anos de vida. Sendeiros Pedagóxicos era o seu nome, e máis de cincocentos nenos e nenas de colexios de toda a comarca tiveron a oportunidade de participar.

Tratábase dunha ruta pola zona máis alta do Monte Xalo, onde os cativos coñecían as historias e lendas do monte cando atopaban polo percorrido personaxes mitolóxicos como trasnos ou mouras.

O Castelo Conta recupera agora a actividade para un dos días de ‘O Castelo Conta dos pequenos’, o campamento que cada mañá lles permitirá coñecer moito sobre danza, música e canto, pero tamén sobre a contorna na que pasarán esta semana do mes de agosto.

As prazas para a actividade (de luns a venres, de 10.00 a 14.00) son limitadas. Ten un custe de 20 € (prezo para toda a semana), e é de balde para as nenas e nenos de Culleredo. As inscricións están abertas na web do Castelo Conta.