Xosé Antonio Touriñán e o alcalde de Culleredo presentaron este sábado en Castelo a décima edición da Travesía do Xalo, que terá lugar os días 4 e 5 de maio. Por primeira vez haberá dúas carreiras (unha delas de 10 km., cuxo percorrido coincidirá co da andaina), e unha cronoescalada, que terá lugar o sábado 4 en Celas. O 10% da recadación polas inscricións destinarase á Fundación Mari Paz Jiménez, que loita contra o cancro.

 

A parroquia cullerdense de Castelo recibirá os días 4 e 5 de maio a máis de mil corredores e sendeiristas dispostos a pasar unha fin de semana polas pistas e camiños do Monte Xalo. Será no marco da décima edición da Travesía do Xalo, que a asociación Castelo Deporte organiza de xeito consecutivo desde o ano 2010 en colaboración co Concello de Culleredo.

O actor e humorista Xosé A. Touriñán, membro da asociación organizadora, presentou este sábado xunto co alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, unha proba que cada ano aumenta a súa participación e é xa toda unha referencia para os habituáis dos eventos deportivos de montaña en Galicia.

“Máis de 6000 participantes nestes dez anos, dos cales case 2000 repetiron nalgunha ocasión, participaron na Travesía do Xalo”, apuntou Touriñán. “En Castelo tan importante é a carreira ou á andaina como a festa de despois. Os veciños e veciñas son os encargados de preparar o churrasco. O importante é facer deporte e divertirnos, pero tamén “vitaminarnos”, comentou.

O alcalde de Culleredo salientou o orgullo que sinte Culleredo “de acoller a corredores que veñen de toda Galicia, nun marco incomparable como é o do Xalo”. Falou tamén do carácter solidario da proba, xa que o 10% da recadación polas inscricións destinarase á Fundación Mari Paz Jiménez, que traballa na investigación de diferentes tipoloxías de cancro, asi como no apoio aos doentes e ás súas familias.

 

O 4 de maio comezará a actividade no Xalo cunha cronoescalada que partirá da parroquia de Celas, cun percorrido de 3 km. no que un deles, completamente vertical (cun desnivel de 369 m.) levará aos participantes ata a zona das antenas, ao carón do coñecido ‘Petón’.

Xa o domingo haberá dúas carreiras: unha de 19 km., cun desnivel de 1209 m., e outra de 10 km., cuxo percorrido coincidirá co da andaina popular, a actividade máis multitudinaria da Travesía do Xalo.

A partir das 13.00 horas, na contorna da polideportiva de Castelo, terán lugar diferentes carreiras infantiles con percorridos destinados á participación de rapazas e rapaces de diferentes idades.

Coa churrascada comezará a parte festiva do evento, que se prolongará durante toda a tarde, con diferentes actuacións musicais e a entrega de agasallos a moitos dos que durante os dez últimos anos protagonizaron os mellores momentos da Travesía do Xalo.

Disporase dun servizo de ludoteca para que os participantes deixen aos cativos durante a carreira e na andaina. Todos os inscritos en calquera das actividades disporán de seguro de accidentes, e recibirán unha camiseta conmemorativa.

Castelo Deporte organiza o evento coa colaboración do Concello de Culleredo e o patrocinio de Marathon Running Shop, Emesports, Atinta e arte e Salomon, entre outros.