O 25 de agosto será un día especial en Castelo. Por segundo ano consecutivo, máis de cincocentas persoas botaranse ás estradas e camiños da parroquia nunha andaina diferente, na que os quilómetros importan menos que en ningunha outra, e pasalo ben é o único importante.

 

Un percorrido duns sete quilómetros agarda aos participantes na andaina do Castelo Conta. Pasando por todas as aldeas da parroquia, acompañados dos mellores humoristas de Galicia, e con catro paradas para gozar coas contadas de Quico Cadaval e Celso Sanmartín.

Haberá, por suposto, abundantes avituallamentos, e un bochinche móbil percorrerá xunto cos camiñantes o percorrido, con saída e chegada na polideportiva de Castelo.

A charanga Os Charangos, e un grupo de gaiteiros, serán os encargados de poñer o mellor ambiente durante a ruta.

Castelo Deporte participará con decenas de voluntarios nunha andaina que forma parte da programación do Castelo Conta, un festival centrado na comedia, a tradición oral e a cultura rural que traerá a Castelo actividades desde o 20 e ata o 25 de agosto.