A décima edición da proba celebrarase os días 4 e 5 de maio, fóra das datas habituáis pola coincidencia coa convocatoria electoral do 28 de abril.

O Monte Xalo activa a conta atrás para unha nova edición da Travesía do Xalo. Dez anos despois de que a asociación Castelo Deporte organizara por primeira vez a primeira carreira e andaina, centos de corredores e sendeiristas volverán ao monte, desta volta nunha data diferente á habitual.

Logo da convocatoria electoral para o domingo 28 de abril (a data que correspondería para a celebración da proba segundo o calendario habitual), a asociación Castelo Deporte tomou a decisión de trasladar a actividade á fin de semana seguinte, despois de avaliar as alternativas que permitiría o calendario.

Os motivos polos que a organización optou por variar a data teñen que ver con determinados inconvintes derivados da coincidencia coa cita electoral, como a imposibilidade de contar co local social de Castelo ao ser colexio electoral, o eventual nomeamento de membros da organización ou participantes para as mesas, ou mesmo as cuestións relacionadas coa seguridade.

Castelo Deporte traslada as súas desculpas aos organizadores das probas que tiñan prevista a súa celebración para os días 4 e 5 de maio, polos inconvintes que en número de participantes poida supor a coincidencia de diferentes eventos.

O ano dos dez anos: dous días de actividades

Pola celebración do décimo aniversario da Travesía do Xalo a asociación Castelo Deporte amplía a programación de actividades habitual, levando tamén ao sábado o evento, cando terá lugar unha cronoescalada que partirá da parroquia de Celas de Peiro.

Xa o domingo, amplíase a tres as modalidades da proba: ao trail de 21 km. e á andaina únese este ano un mini-trail, que permitirá a participación dun maior número de corredores, e que responde a unha ampla demanda dos asistentes nas últimas edicións.

Prazo de inscricións

O luns 11 de marzo abriranse as inscricións para todas as modalidades a través da web do evento, www.travesiadoxalo.gal, onde os participantes poderán atopar toda a información precisa.