• O actor e humorista Xosé A. Touriñán presentou esta mañá, acompañado do Alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, unha nova edición deste evento deportivo, que é tamén “unha festa do monte, e da xente que vive nel”.
  • O evento ten, nesta ocasión, un carácter social e solidario: o 10% da recadación das inscricións vai destinado á Asociación contra o Cancro, para investimentos de investigación e apoio aos afectados.
  • Haberá, como é habitual, dúas modalidades de participación, carreira e andaina, con percorridos de 23 e 11 km. respectivamente.

 

A asociación Castelo Deporte presentou esta mañá en Culleredo unha nova edición da Travesía do Xalo. Un evento que desde hai nove anos vén desenvolvendo de xeito ininterrompido en colaboración co Concello de Culleredo.

Este domingo preto de 1000 corredores e sendeiristas abarrotarán Castelo, unha das parroquias de Culleredo de menor poboación, de onde partirán para percorrer os 23 e 11 km. das súas respectivas rutas.

Os corredores terán por diante un percorrido cun desnivel positivo de máis de 1.300 metros e contarán con ata tres avituallamentos. Os sendeiristas, pola súa banda, contarán cun avituallamento nunha ruta cun desnivel de máis de 400 metros, da que a organización destaca a súa beleza e singularidade paisaxística.

Co peche das inscricións o pasado venres comezou a conta atrás para un evento, o máis popular dos organizados por Castelo Deporte, que en palabras do seu novo presidente, o actor e humorista Xosé A. Touriñán, “é diferente porque son os veciños, a xente de Castelo, os que o fan posible, xa que cada ano créase un percorrido diferente, limpando camiños desde meses antes”.

E é que se por algo se caracteriza a Travesía do Xalo é polo seu carácter festivo, un dos aspectos máis valorados polos participantes. Desde o comezo da proba, a primeira hora, e ata á tarde, Castelo é bo ambiente: os corredores son recibidos nas zonas máis altas do Xalo por grupos de gaiteiros, ao mediodía ten lugar unha churrascada popular da que participan todos os participantes, e pola tarde a música en directo é xa unha tradición para poñerlle o punto e final á intensa xornada.

Solidariedade

Castelo Deporte, a asociación encargada da organización da proba desde os seus inicios, destaca en Culleredo por achegar ás súas actividades unha nota de solidariedade. Nos últimos anos ten organizado actividades para rapazas e rapaces inmigrantes coa asociación Mestura, carreiras con Parkinson Galicia ou andainas coa asociación TP Galicia (trastornos de personalidade). Desta volta, a Travesía do Xalo chega cun importante compromiso social, desta volta coa Asociación contra o Cancro, que percibirá o 10% do importe das inscricións no evento (ao redor de 1.400 €), destinados a investigación e apoio a afectados.