A Nocturna do Xalo celebra a súa sétima edición o 22 de novembro

O Monte Xalo acolle unha das citas deportivas máis singulares do calendario, coas habituáis modalidades de carreira e andaina.

Castelo Deporte prepara a volta da súa ruta nocturna polo monte para finais do mes de novembro. O Xalo recibirá de novo a medio cento de participantes dispostos a percorrer os 12 e 8 quilómetros dos trazados de carreira e andaina polas sendas e e pistas dos montes veciñais de Castelo, nunha das probas deportivas máis agardadas do ano para as e os afeccionados da montaña en Galicia.

As inscricións están xa abertas para participar nunha cita que mesturará, de novo, deporte e celebración: a veciñanza de Castelo ofrecerá ao remate dos percorridos unha churrascada a todas e todos os inscritos, no habitual ambiente festivo de todas as actividades que se celebran na parroquia cullerdense. A través da páxina web de Emesports é posible anotarse xa nas probas: a inscrición ten un prezo de 20 euros e inclúe o cronometraxe para a carreira, avituallamentos no percorrido, unha camiseta, seguro de accidentes e a cea na polideportiva de Castelo.

Foto: Aigi Boga

Durante estas semanas as voluntarias e voluntarios de Castelo Deporte traballan na preparación das rutas, que partirán e rematarán en Castelo, percorrendo as distintas zonas do Xalo na súa vertente de Culleredo, e en concreto, os montes veciñais de Castelo, que a Comunidade de Montes pon a disposición da asociación para celebrar a proba.

As prazas dispoñibles (150 para a carreira e 300 para a andaina) permitirán á organización -que contará con preto de cen voluntarias e voluntarios- o control dos distintos puntos do percorrido, e que a actividade se celebre nas maiores condicións de seguridade. Todas as persoas participantes deberán acudir cunha lanterna frontal e o seu teléfono móbil.

Coa celebración da Nocturna do Xalo a asociación Castelo Deporte pechará as súas actividades no 2025, coa vista xa posta no décimo quinto aniversario da Travesía do Xalo, previsto para o próximo mes de abril.