Castelo Deporte organiza a cuarta edición da actividade, en colaboración co Concello de Culleredo, cunha carreira e unha andaina de doce e oito quilómetros respectivamente. As inscricións están esgotadas.
É tempo de camiñar e correr pola noite polo monte. Un ano máis, a asociación Castelo Deporte promove unha das actividades máis atractivas para os habituáis do Monte Xalo, que chega á súa cuarta edición.
A Nocturna do Xalo reunirá o sábado 19 de novembro a catrocentos corredores e camiñantes en Castelo (Culleredo), para percorrer rutas inéditas polo monte trazadas polos voluntarios de Castelo Deporte durante as últimas semanas. Serán dous percorridos de doce e oito quilómetros e medio por pistas e camiños con saída e chegada na polideportiva de Castelo, onde está prevista a celebración dunha churrascada ao remate das probas deportivas.
As e os participantes recibirán coa súa inscrición unha camiseta, e contarán cun seguro de accidentes, ademais do servizo de cronometraxe, e a cea organizada polas veciñas e veciños de Castelo. Durante o percorrido está previsto un avituallamento líquido e sólido para as e os inscritos nas dúas modalidades.
O Concello de Culleredo, xunto con Emesports, e Marathon Running Shop, colaboran para facer posible esta nova edición do evento, que unha vez máis suma na loita contra o cancro colaborando coa Fundación Mari Paz Jiménez. No momento da inscrición é posible realizar doazóns a esta asociación que traballa na investigación para a prevención do sarcoma.
A Nocturna do Xalo completa un ano de actividades no que Castelo Deporte organizou a Travesía do Xalo, no mes de abril, e participou do festival Castelo Conta en agosto.