Centos de camiñantes, corredoras e corredores percorrerán o monte o domingo 30 de abril nunha das probas máis agardadas do calendario en Galicia.
Castelo Deporte ultima os preparativos para abrir, o mércores 1 de marzo, as inscricións da duodécima Travesía do Xalo. A parroquia de Castelo, en Culleredo, recibirá en pouco máis de dous meses a centos de amantes do monte para participar nalgunha das probas dunha das actividades deportivas máis destacadas das que se celebran en toda Galicia dentro do calendario de carreiras e andainas populares.
Nesta ocasión serán ao redor de dezaoito os quilómetros que percorrerán as e os participantes na carreira, polos dez que camiñarán os inscritos na andaina. Ao remate, e xusto antes da xa famosa churrascada preparada polas veciñas e veciños de Castelo, terán lugar as probas para as cativas e cativos, de 2 quilómetros, 1 quilómetro, 600 e 250 metros.
A gran festa do monte na que logo de tantos anos se ten convertido a Travesía do Xalo vivirá na tarde do 30 de abril unha xornada especial: será víspera de festivo, polo que a organización prepara diferentes actividades en Castelo para unha tarde para desfrutar sen presas.
O Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña apoian á asociación Castelo Deporte na organización desta proba, que fan posible máis de cen voluntarias e voluntarios.
As inscricións estarán limitadas nesta ocasión a 200 participantes na carreira, e 350 na andaina. O prezo, que incluirá unha camiseta, o seguro de accidentes e o xantar, será de 20 euros ata o 31 de marzo, e de 25 euros desde abril.
Poñer en valor a historia do Xalo
Castelo Deporte traballa, ademais, en distintas iniciativas para poñer en valor o Monte Xalo como espazo para a práctica deportiva. A andaina incorporará nesta edición diferentes contidos adicionais para que as e os camiñantes coñezan a historia do coñecido como pulmón verde da comarca da Coruña, na que será unha experiencia única, nun modelo de proba deportiva inédito en Galicia.