Castelo Deporte dará continuidade á campaña #senplásticosnomonte, posta en marcha na última edición do festival Castelo Conta, coa que se pretende reducir o impacto das actividades cunha importante afluencia de persoas na contorna do monte Xalo.
Castelo Deporte suma un novo compromiso coa conservación do medio ambiente na undécima edición da Travesía do Xalo. A proba, por primeira vez, celebrarase sen o emprego de ningún tipo de plástico dun só uso, en liña coa campaña iniciada en agosto do ano 2019, durante a celebración do festival Castelo Conta, que veu a eliminar o emprego de vasos, platos e bolsas de plástico.
Para a carreira e a andaina polo Xalo do próximo 24 de abril a organización busca consolidar esta tendencia e facela extensiva a todas as actividades que teñen lugar en Castelo, tanto no ámbito deportivo como cultural.
Os grandes cambios na Travesía do Xalo que promoverá Castelo Deporte terán que ver coa eliminación de plásticos dun só uso nos avituallamentos e no xantar ao remate da carreira e da andaina, ademais dos elementos de sinalización das propias probas.
As persoas participantes recibirán nos días previos ao evento un correo electrónico informativo sobre a redución concreta de plásticos na proba en relación a edicións anteriores, sobre o que tamén se achegará información puntual durante a propia actividade.