Asociación

Castelo Deporte naceu no ano 2007 con dous obxectivos fundamentais: o impulso do deporte entre a mocidade como a mellor alternativa de lecer, e a potenciación do rural como contorna inmellorable para a práctica deportiva. Un grupo de máis de trinta rapazas e rapaces de entre quince e vinte anos de Culleredo e os seus concellos limítrofes lideraron a asociación durante máis dun lustro, organizando innumerables actividades deportivas e culturais tanto na parroquia cullerdense de Castelo como no resto do concello, chegando a converterse nunha das entidades xuveniles máis activa de Galicia.

Coa organización no ano 2010 da primeira edición da Travesía do Xalo, a asociación comezou a orientar a súa actividade á defensa e protección da contorna natural do Monte Xalo, e á súa dinamización a través da organización de actividades deportivas. Incorporou a decenas de veciñas e veciños de Castelo e as parroquias limítrofes, chegando a contar cunha masa social próxima aos 300 asociados.

A partir do ano 2015 boa parte das rapazas e rapaces que anos atrás puxeran en marcha a asociación deixaron os seus postos aos maiores para poder dedicarlle tempo ao seu futuro. Castelo Deporte  converteuse nesta nova fase nunha entidade relevante en Culleredo e a área metropolitana da Coruña, coñecida polo seu compromiso social, cultural e coa natureza.

Na actualidade a asociación centra os seus esforzos na dinamización do Monte Xalo, organizando cada ano diferentes carreiras e andainas, e o apoio ao tecido social e cultural que na parroquia de Castelo xira ao redor do festival Castelo Conta.

A directiva actual de Castelo Deporte está formada por Susi Reboredo (presidenta), Susana Espiñeira e Antonio Fero (vicepresidentes), Fernanda Espiñeira (secretaria), Álvaro Pérez Becerra (tesoureiro) e Juan Sebastián Rey (vogal).