Sobre o Xalo

O Monte Xalo está situado a vinte minutos da Coruña, e é o espazo natural máis próximo á cidade, cunha altitude de 520 metros sobre o mar. A súa extensión é, aproximadamente, de tres quilómetros, que comparten os concellos de Culleredo, Carral, A Laracha e Cerceda, con diferentes titularidades (monte comunal, particular, pública…).

O monte conserva grandes formacións graníticas, entre as que destacan as características rocas na parte máis alta desde a que se pode ver toda a comarca da Coruña, así como mámoas e medoñas catalogadas.

No Xalo é habitual a práctica de sendeirismo, trail ou ciclismo de montaña, ademais de escalada, aínda que o monte non conta con infraestruturas deportivas nin as sinalizacións axeitadas, unha das grandes demandas de Castelo Deporte ao Concello de Culleredo nos últimos anos.

A Comunidade de Montes Veciñais de Castelo traballa na actualidade en diferentes proxectos de mellora e recuperación de espazos do Xalo, nos terreos comunais da súa propiedade, relacionados co mellor aproveitamento do monte e a súa ordenación, a prantación de especies autóctonas ou a construción das canalizacións axeitadas para procurar a conservación de pistas e camiños.