Sobre nós

Castelo Deporte é unha asociación sen ánimo de lucro con sede na parroquia de Castelo, en Culleredo. Nace no ano 2006 co primeiro obxectivo de organizar un campionato de fútbol sala polas festas do San Ramón, que se celebra de forma ininterrompida ata o ano 2014. Durante eses anos, a asociación convértese en toda unha referencia na dinamización da mocidade na área metropolitana da Coruña, organizando cada ano diferentes actividades deportivas, culturais e sociais en Culleredo.

Desde o 2010 a entidade suma novas socias e socios e pon o foco no Monte Xalo e as súas posibilidades como espazo para a práctica deportiva. Castelo Deporte comeza a organizar a Travesía do Xalo, unha andaina e unha carreira polas pistas e camiños do monte, que hoxe acumula case quince edicións, superando o milleiro de participantes en moitas delas.

Á Travesía do Xalo súmanse outras actividades relacionadas coa promoción do Xalo, como a Nocturna do Xalo, unha carreira e andaina e completa escuridade que ten lugar cada mes de novembro, ou actividades de bicicleta de montaña.

Nos últimos anos a asociación complementa a súa actividade regular con accións para o coidado e a conservación do monte, en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, e participando na organización do festival Castelo Conta, unha das citas culturais de referencia en Galicia, que ten lugar cada mes de agosto tamén en Castelo.

Faite socio

Castelo Deporte xunta na actualidade a máis de duascentas persoas como asociadas e asociados, que participan nas actividades que organiza a entidade e contribúen á defensa dos obxectivos da asociación, relacionados coa protección e o coidado de espazos naturais para a práctica deportiva e a organización de actividades sociais e culturais en entornos non urbanos.

A cota anual é de 20 euros, que inclúe un novo modelo de camisola cada ano para cada asociada e asociado, e a inscrición preferente en todas as actividades que organiza a entidade.