Castelo prepárase para acoller unha nova edición do Castelo Conta

A parroquia volverá encherse de cultura entre o 24 e o 30 de agosto coa undécima edición do Castelo Conta. Música, humor, gastronomía, memoria, actividades familiares e propostas en plena natureza conforman un festival único, posible grazas ao traballo da veciñanza e ao apoio do tecido asociativo de Castelo.

Un ano máis, a parroquia está lista para volver ser un punto de encontro para milleiros de persoas chegadas de toda Galicia. Entre o 24 e o 30 de agosto, a décimo primeira edición do Castelo Conta transformará as aldeas en escenarios abertos á música, ao humor, á gastronomía, á tradición oral e ás actividades para todos os públicos.

Ao longo dunha semana, o festival reunirá algunhas das propostas máis destacadas da cultura galega, combinando grandes concertos, espectáculos de comedia, os xa tradicionais Contos de Castelo, a programación infantil de Xente Miúda, os vermús na Taberna e numerosas actividades pensadas para vivir o rural desde a cultura e a participación.

A festa do monte

Desde o pasado ano, o Castelo Conta consolidou unha nova identidade arredor do Monte Xalo. A festa que lle deu a volta á festa é tamén, desde entón, a festa do monte: un festival que celebra a cultura sen desligala do territorio que a fai posible. O compromiso coa protección do Xalo, coa súa memoria e coa súa biodiversidade forma xa parte da esencia do Castelo Conta.

A natureza volverá estar moi presente nesta edición. As actividades de Xente Miúda levarán ás crianzas ata a Fraga de Cabrois, un espazo situado aos pés do Monte Xalo onde descubrirán a riqueza ecosistémica da contorna a través do xogo e da educación ambiental. Tamén parte da programación do venres se desenvolverá neste enclave, reforzando a conexión entre o festival e a paisaxe que o acolle.

Máis alá dos escenarios, o Castelo Conta continúa defendendo un modelo de festival sostible, comprometido coa protección do territorio e coa posta en valor do patrimonio natural e humano que fai de Castelo un lugar singular.

Un festival feito pola veciñanza

Como cada ano, o Castelo Conta será posible grazas ao traballo conxunto da Comisión de Festas de Castelo, da Asociación Cultural Castelo Conta, da colaboración da veciñanza e do apoio do voluntariado de Castelo Deporte, que participará nas tarefas organizativas ao longo de toda a semana para facer posible o desenvolvemento do festival.

Un exemplo máis dunha forma de entender a vida comunitaria na que centos de persoas traballan xuntas para converter Castelo nun referente cultural e social do rural galego.