Abren as inscricións para a oitava edición da Nocturna do Xalo

O próximo 28 de novembro volverá ter lugar no Monte Xalo unha das propostas máis singulares do outono en Castelo, enchendo a contorna de deporte coa carreira de 12 quilómetros e a andaina de 8. As inscricións xa están abertas a través de Emesports.

A Nocturna do Xalo volverá percorrer os camiños do Monte Xalo, coa celebración da súa oitava edición. Organizada pola asociación Castelo Deporte, a cita combina actividade deportiva e convivencia nunha xornada que rematará cunha churrascada comunitaria, como xa é tradición en Castelo.

As inscricións están abertas desde hoxe a través de Emesports e poderán formalizarse ata o 24 de novembro ou ata esgotar as prazas dispoñibles. A saída das dúas modalidades será ás 19.00 h desde a polideportiva de Castelo, en Folgueira (Culleredo).

A proba contará con dúas opcións: unha carreira competitiva de 12 quilómetros, dirixida a persoas maiores de 18 anos, e unha andaina non competitiva de 8 quilómetros, aberta a participantes de todas as idades. Deste xeito, a Nocturna permite achegarse ao Monte Xalo tanto desde a competición deportiva como desde unha proposta máis pausada para gozar do percorrido.

A preparación da Nocturna implica a colaboración das persoas voluntarias de Castelo Deporte e da Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, que pon a disposición da organización os camiños e espazos do monte polos que transcorren os percorridos. A iniciativa conta tamén co apoio do Concello de Culleredo e da Deputación da Coruña.

Coa apertura das inscricións, comeza a preparación dunha nova edición dunha cita que combina deporte, natureza e convivencia e que volverá reunir participantes no Monte Xalo a finais de novembro.