O Monte Xalo prepárase para a súa noite deportiva con máis da metade das prazas cubertas


A oitava edición da cita deportiva xa conta con máis da metade das persoas participantes previstas. A carreira completou as prazas dispoñibles e para a andaina quedan arredor de cen inscricións.

A menos dun mes da celebración da VIII Nocturna do Xalo, a proba supera xa as 340 persoas inscritas, máis da metade da participación prevista para esta edición. A resposta está a ser especialmente alta na modalidade de carreira, que xa completou as prazas dispoñibles, mentres que para a andaina quedan arredor de cen inscricións.

Organizada pola asociación Castelo Deporte, a Nocturna volverá reunir deporte e convivencia nos camiños do Monte Xalo. A proba terá lugar o próximo 28 de novembro, coa saída das dúas modalidades ás 19.00 h desde a polideportiva de Castelo, en Folgueira (Culleredo), cunha proposta que permite participar tanto a quen busca un reto deportivo como a quen prefire gozar do monte a outro ritmo.

A cita contará cunha carreira competitiva de 12 quilómetros, dirixida a persoas maiores de 18 anos, e cunha andaina non competitiva de 8 quilómetros, aberta a participantes de todas as idades. Dúas maneiras de percorrer o Monte Xalo e compartir unha xornada de actividade ao aire libre que, como xa é tradición, rematará cunha cea comunitaria en Castelo.

As inscricións teñen un prezo de 22 euros e inclúen seguro de accidentes, dorsal, agasallo conmemorativo, avituallamentos e cea ao remate da proba. Para participar será obrigatorio levar unha lanterna frontal e un teléfono móbil acendido durante toda a actividade. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 24 de novembro, sempre que non se esgoten antes as prazas dispoñibles.

Aínda que a carreira xa completou o seu cupo inicial, as persoas interesadas que non consigan formalizar a inscrición a través de Emesports poden contactar directamente coa organización no enderezo nocturnadoxalo@castelodeporte.gal para consultar a posibilidade de tramitala.

A Nocturna do Xalo é posible grazas á colaboración das persoas voluntarias de Castelo Deporte e da Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, que facilita o uso dos camiños e espazos do monte. A iniciativa conta tamén co apoio do Concello de Culleredo e da Deputación da Coruña.

As inscricións continúan abertas para a andaina. Unha oportunidade para descubrir o Monte Xalo ao caer a noite, compartir unha experiencia deportiva en comunidade e rematar a xornada arredor da mesa en Castelo.