A Nocturna do Xalo celebra este sábado 28 de novembro a súa oitava edición, coas prazas completamente esgotadas e arredor de 600 persoas participantes. Recompilamos toda a información sobre os percorridos, os horarios e a loxística da xornada para que todo estea listo antes de saír ao monte.
A conta atrás para a VIII Nocturna do Xalo xa está en marcha. Este sábado, Castelo volverá recibir centos de persoas dispostas a percorrer os camiños dos montes veciñais baixo a luz dos frontais, nunha xornada que combinará deporte, encontro e celebración. As inscricións pecháronse hai máis dunha semana, unha vez cubertas todas as prazas dispoñibles. A organización prevé reunir arredor de 750 persoas, entre participantes e equipo de voluntariado.
Recollida de dorsais e horarios

A recollida de dorsais terá lugar o propio sábado 28 de novembro, a partir das 12.00 h, na Polideportiva de Castelo. É recomendable achegarse con tempo suficiente para recoller o dorsal e preparar o material antes da saída.
As dúas modalidades partirán ás 19.00 h desde a Polideportiva, onde tamén estará situada a meta. Ao tratarse dunha proba nocturna, convén non apurar a chegada e contar con marxe para organizarse antes de comezar o percorrido.
Distancias e percorridos
Nesta edición haberá dúas modalidades para percorrer os montes veciñais de Castelo. A carreira competitiva terá 12,3 quilómetros e un desnivel positivo de 650 metros, cun avituallamento no quilómetro 7,2. Contará con cronometraxe e entrega de premios ás persoas clasificadas.
A andaina, pola súa banda, percorrerá 9 quilómetros, cun desnivel positivo de 370 metros, e terá o seu punto de avituallamento no quilómetro 4,7. Ambos os percorridos atravesarán as sendas e pistas da parroquia e dos seus montes veciñais.
Imprescindibles
Ao tratarse dunha proba nocturna, é obrigatorio o uso da lanterna frontal e, no seu defecto, doutro tipo de lanternas que poidan manterse acesas durante todo o traxecto. Non se trata só de contar con iluminación nos tramos máis escuros, senón de garantir a visibilidade e a seguridade propias e das demais persoas que participan na proba. Tamén é importante escoller roupa e calzado adecuados para unha actividade de montaña a finais de novembro, tendo en conta as temperaturas e as posibles condicións meteorolóxicas. Unha vez no percorrido, cómpre seguir as indicacións do persoal voluntario que estará pendente do desenvolvemento da xornada.
A xornada continúa!
A Nocturna do Xalo non rematará coa chegada á meta. Despois da carreira e da andaina, a Polideportiva converterase de novo nun punto de encontro arredor dunha churrascada popular, da entrega de premios ás persoas clasificadas e da música que será o broche perfecto para esta oitava edición. Quen non participe nas probas tamén poderá achegarse e sumarse á celebración: todas as persoas que queiran compartir a cea popular poderán adquirir os seus tíckets directamente no recinto.

A VIII Nocturna do Xalo está organizada por Castelo Deporte, coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais de Castelo e de Emesports, e o apoio do Concello de Culleredo e da Deputación da Coruña. Todo está preparado para unha nova noite de deporte e encontro arredor do Monte Xalo. Vémonos en Castelo!
