Actividades

Na actualidade, Castelo Deporte desenvolve diferentes actividades ao longo do ano, tanto orientadas ás súas socias e socios como ao público en xeral.

Travesía do Xalo

Celébrase de xeito ininterrompido desde o ano 2010, o último domingo do mes de abril no Monte Xalo. Trátase dunha proba de triple modalidade: carreira de 21 quilómetros, carreira de 10 quilómetros e andaina desta mesma distancia. Os máis pequenos participan tamén en carreiras de distancias curtas ao remate das probas principais. O ambiente festivo é un dos grandes valores da Travesía do Xalo: ao remate dos percorridos os participantes gozan dunha gran churrascada preparada polas veciñas e veciños de Castelo.

Ao Xalo polo Santiago!

En colaboración coa Comisión de Festas de Castelo, e con motivo do Santiago Apóstolo, a finais do mes de xullo, ten lugar outra dobre proba nas modalidades de carreira e andaina, de escasa dificultade técnica, e aberta á participación de todo tipo de públicos nun ambiente absolutamente festivo. A actividade deportiva remata cunha gran paella para todos os asistentes.

De ruta!

De forma periódica, a asociación organiza andainas en diferentes puntos de Galicia, en fin de semana para contribuir a unha maior participación. Estas actividades están abertas, cun prezo diferente, para asociados e non asociados.

Nocturna do Xalo

Desde o ano 2018, no outono, Castelo Deporte organiza unha carreira nocturna duns 12 quilómetros polas pistas e sendeiros do Monte Xalo, cun importante éxito de participación para unha proba destas características. Á proba competitiva súmase unha andaina dunha duración máis reducida, aberta á participación de todo tipo de públicos.

Castelo Conta

Castelo acolle a finais do mes de agosto un gran evento no que comedia, tradición e cultura rural transforman a parroquia para convertela epicentro da actividade cultural en Galicia durante varios días. Xosé Antonio Touriñán, un veciño de Castelo máis, pero coñecido en todos os puntos de Galicia, convida aos grandes nomes da música e o humor en Galicia á súa aldea, para completar así unha programación de actividades inédita, na que colaboran os voluntarios da asociación Castelo Deporte.