A aplicación ‘Monte Xalo’, unha ferramenta xa dispoñible para iOS e Android, permite descubrir o monte desde dentro: rutas, puntos de interese, patrimonio e servizos turísticos integrados nun espazo dixital creado desde o tecido asociativo de Castelo.
O Monte Xalo dá un novo paso na súa posta en valor coa chegada da aplicación ‘Monte Xalo’, unha ferramenta dixital xa dispoñible para dispositivos iOS e Android baixo o lema todo o monte no teu móbil. Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia que reúne nun único espazo toda a información sobre este enclave natural, combinando rutas, patrimonio, servizos e contidos audiovisuais pensados para mellorar a experiencia de quen o visita.
Promovida pola veciñanza de Castelo a través do seu tecido asociativo, a aplicación forma parte dun proxecto impulsado por Castelo Conta e a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, producido por Undodez e desenvolvido por Bjäland Technologies, no marco das axudas de dixitalización de Última Milla para o sector turístico, financiadas pola Unión Europea – NextGeneration EU.
O obxectivo é claro: converter o Monte Xalo nun espazo máis accesible, intelixible e descuberto, tanto para quen o percorre a pé ou en carreira como para quen quere coñecelo desde unha perspectiva cultural e patrimonial.

Un mapa interactivo
A aplicación recompila rutas de sendeirismo, carreira e bicicleta, ademais de sinalizar múltiples puntos de interese distribuídos ao longo do territorio. Na actualidade, a ruta dispoñible corresponde ao percorrido da carreira longa da Travesía do Xalo, mentres que a carreira curta e a andaina serán incorporadas próximamente. A través da xeolocalización, a persoa usuaria pode ir descubrindo o monte mentres se despraza, accedendo a explicacións e contidos adaptados ao lugar no que se atopa.
Entre as súas funcionalidades destacan:
- Puntos de interese xeolocalizados ao longo do Monte Xalo
- Filtros por temática, tipo de contido e accesibilidade
- Rutas deportivas e de lecer para facer a pé ou en bicicleta
- Información útil sobre servizos próximos para unha mellor experiencia turística
A aplicación non só orienta, senón que tamén conta o territorio: cada espazo incorpora textos e fotografías, que permiten afondar na historia, na natureza e na identidade do monte.
PATRIMONIO, HISTORIA E MEMORIA EN FORMATO DIXITAL
Entre os contidos destacados aparecen elementos singulares como a Torre de Celas, a Fonte das Meigas, a Pedra Casarula ou a Mámoa da Chan do Castelo, que permiten achegarse á riqueza histórica e arqueolóxica do entorno.
A Torre de Celas, por exemplo, é un dos vestixios máis emblemáticos da zona, con orixe medieval e declarada Ben de Interese Cultural. Pola súa banda, a Pedra Casarula ou a Fonte das Meigas ofrecen unha mirada máis próxima á tradición oral e á vida cotiá ligada ao monte.
Este enfoque converte a aplicación nunha ferramenta que vai máis alá da simple navegación: é tamén un recurso educativo e cultural que permite interpretar os espazos mentres se percorren.
UN PROXECTO PARA COÑECER E COIDAR O MONTE
‘Monte Xalo’ nace como unha iniciativa colectiva, impulsada desde a veciñanza e o tecido asociativo de Castelo, co obxectivo de reforzar o vínculo entre comunidade e territorio. A aplicación sitúa o monte como un espazo vivo, en constante diálogo entre natureza, deporte e patrimonio.
A súa posta en marcha enmárcase tamén na vontade de consolidar o Monte Xalo como un referente para a práctica deportiva ao aire libre e para o turismo de proximidade, integrando a tecnoloxía como ferramenta de divulgación e coidado do espazo natural.
Deste xeito, o monte pode agora ser percorrido, comprendido e vivido desde unha nova perspectiva.
