O Xalo acollerá o sábado 23 de novembro a sexta edición da Nocturna do Xalo, unha das probas máis agardadas polos habituáis do monte, na que as e os participantes percorren as sendas e camiños polos que transcorre a ruta na escuridade dunha tarde-noite outonal.
Desta volta as persoas inscritas na carreira percorrerán unha distancia de 12 quilómetros, mentres que as que decidan facer a andaina farán 8 quilómetros por un percorrido preparado polo equipo da asociación Castelo Deporte no monte veciñal de Castelo.
A través da plataforma de inscricións de Emesports xa é posible realizar a inscrición, cun prezo único de 20 euros, que incluirá camisola, seguro de accidentes, dorsal (co sistema de cronometraxe para o caso da carreira), e o tícket co que desfrutar da churrascada que ao remate da actividade prepararán as veciñas e veciños de Castelo.
De novo, a proba sumará ao deporte a solidariedade, e será posible realizar doazóns á Fundación Mari Paz Jiménez, que traballa na investigación do sarcoma, un descoñecido tipo de cancro.