A taberna de Castelo reabre para a festa do monte

Casa Rodríguez volverá abrir as súas portas con motivo da XV Travesía do Xalo, recuperando durante toda a fin de semana o seu papel como punto de encontro veciñal e epicentro da celebración.

A XV Travesía do Xalo non será só unha xornada de deporte e monte: será tamén unha fin de semana para compartir e celebrar en comunidade. E para iso, hai un lugar que volverá ocupar o centro de todo: a Taberna de Castelo, Casa Rodríguez, que abrirá de novo as súas portas con motivo da celebración da proba.

A reapertura da taberna converterase nun dos grandes símbolos desta edición especial, recuperando durante toda a fin de semana un espazo que forma parte da memoria colectiva da parroquia e que sempre foi moito máis ca un simple local de hostalaría.

Durante décadas, Casa Rodríguez foi o corazón social de Castelo. Desde os anos trinta, este espazo funcionou como ultramarinos, taberna e punto de encontro para a veciñanza, un lugar onde se compartían conversas, partidas de cartas, celebracións e a vida cotiá dunha parroquia enteira arredor dunha barra e dunha mesa. Durante máis de oitenta anos foi escenario da pequena historia diaria de Castelo, ata o seu peche no ano 2017.

Co paso do tempo, a súa reapertura puntual en datas sinaladas converteuse xa nun pequeno acontecemento dentro da parroquia. Cada vez que Casa Rodríguez abre, o ambiente tamén se transforma.

Nesta XV Travesía do Xalo, a taberna volverá ser o gran punto de encontro da celebración. A actividade comezará o venres 24 de abril, coa apertura do espazo ás 16.00h e a recollida de dorsais, e continuará durante toda a fin de semana acompañando a programación.