A Travesía do Xalo celebrará 15 anos no monte o sábado 25 de abril

Castelo Deporte prepara unha xornada chea de programación deportiva e festiva para celebrar o aniversario dunha das probas máis relevantes do calendario de carreiras de montaña a última década.

A Travesía do Xalo cumpre quince anos. No 2010 celebrábase con saída e meta en Castelo a primeira edición da carreira e a andaina que descubriu o Xalo a milleiros de sendeiristas, corredoras e corredores que participaron nalgunha das edicións que a Asociación Castelo Deporte organizou ata este ano de forma consecutiva, coa única interrupción no 2020 e no 2021 pola pandemia.

O sábado 25 de abril é o día escollido para unha celebración que quererá selo en todos os sentidos: a Travesía do Xalo recuperará no seu quince aniversario a carreira curta, de 10 quilómetros, que non se celebraba desde o 2022, así como probas para todas as categorías infantís, un servizo de ludoteca para as máis pequenas e pequenos, e unha gran festa que se alongará durante toda fin de semana.

Esta mesma semana abrirán as inscricións para as diferentes probas e categorías: carreira de 21 quilómetros, carreira de 10 quilómetros, andaina de 10 quilómetros e probas infantís das categorías junior, cadete e xuvenil (2 quilómetros), alevín e benxamín (1 quilómetro), prebenxamín (250 metros) e pequerrechos (80 metros). Por primeira vez a data da proba cambia ao sábado para a celebración durante a tarde dunha gran festa que incluirá distintos concertos e homenaxes ás persoas e entidades que fixeron posible estes quince anos no monte.

Durante as próximas semanas darase a coñecer a programación festiva para a tarde do sábado, co detalle das actividades previstas e os seus horarios. A veciñanza de Castelo e o tecido asociativo da parroquia unirase na organización dunha celebración que quererá tamén poñer en valor o traballo que realiza a Comunidade de Montes de Castelo no coidado do Xalo durante todo o ano, a través de iniciativas pioneiras para a xestión sostible da superficie forestal.

Colaboración de empresas e institucións

A quince edición da Travesía do Xalo celebrarase coa colaboración do Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña, así como de Emesports, Marathon Running Shop e Cume Norte.