- A actividade, que organizan conxuntamente a asociación Castelo Deporte e o Concello de Culleredo, coa colaboración da Deputación da Coruña, contará con tres modalidades: carreira de 17 quilómetros, andaina, e carreiras en distintas categorías para os máis pequenos.
- As preto de duascentas veciñas e veciños de Castelo sumaranse á organización encargándose dunha multitudinaria churrascada ao remate das probas deportivas.
- O límite de inscricións cubriuse antes do remate do prazo previsto, e preto de setecentas persoas percorrerán os sendeiros do Monte Xalo este domingo.
A duodécima edición da Travesía do Xalo celebrarase este domingo en Castelo (Culleredo), cunha participación próxima ás setecentas persoas. Será unha das máis multitudinarias de todas as organizadas desde o 2010 pola asociación Castelo Deporte coa colaboración do Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña.
A partir das 9.30 h. darase a saída da carreira, para que xusto a continuación comecen os seus percorridos as e os participantes na carreira.
O percorrido para os inscritos na proba absoluta transitará polas sendas e camiños no entorno dos montes de Castelo, nunha ruta cun desnivel positivo de 1212 metros, chegando a unha altitude máxima duns 500 metros, na coñecida zona do Petón.
Para a andaina está previsto un percorrido duns 10 quilómetros por camiños das diferentes zonas do Xalo, que permitirán ás persoas inscritas explorar espazos completamente descoñecidos do monte coruñés.
Desde a primeira edición do evento, celebrada no ano 2010, en ningunha ocasión se repetiron os percorridos, que preparan máis de 100 voluntarias e voluntarios da asociación Castelo Deporte durante varios meses, en colaboración coa comunidade de montes de man común de Castelo.
Desde as 13.00 h. terán lugar as probas para as cativas e os cativos, que percorrerán rutas de 1 quilómetro, 300 metros e 50 metros no entorno da polideportiva de Castelo. Para todas e todos eles a organización ten previsto un agasallo.
En Castelo terá lugar o fin de festa a partir das 13.30 h., cunha churrascada preparada polas veciñas e os veciños da parroquia -para a que se venderán racións ao público en xeral-, á que seguirá a entrega de premios.
Solidarios coa Fundación Mari Paz Jiménez
Na liña de anteriores actividades organizadas pola asociación cullerdense, a Travesía do Xalo achegará tamén o seu grao de area para un fin solidario: a loita contra o sarcoma, un descoñecido tipo de cancro, en cuxa investigación traballa a Fundación Mari Paz Jiménez.