A Travesía do Xalo pecha inscricións batendo o record de participación na andaina

Case novecentas persoas percorrerán o Monte Xalo este domingo, nunha das edicións máis multitudinarias da actividade que organiza a asociación Castelo Deporte en colaboración co Concello de Culleredo.

A Travesía do Xalo pechou este martes o prazo de inscrición para a súa undécima edición, que terá lugar este domingo en Castelo (Culleredo). Case 900 persoas participarán na actividade, cunha participación record na andaina, de máis de 500 inscritas e inscritos.

A actividade constará de dúas carreiras (21 e 10 quilómetros) e unha andaina non competiva de 10 quilómetros. Para os máis pequenos tamén haberá oportunidade de correr polo monte, con percorridos de diferentes distancias a partir das 13.00 h.

A partir do mediodía celebrarase na polideportiva de Castelo unha gran churrascada preparada polas veciñas e veciños de Castelo, á que seguirá a entrega de premios e a gran festa do monte toda a tarde. O actor e humorista Pepo Suevos fará as funcións de speaker a partir da chegada dos participantes.

Aínda que as inscricións están xa pechadas, é posible aínda realizar doazóns para a Fundación Mari Paz Jiménez, unha actividade sen ánimo de lucro coa que Castelo Deporte colabora desde hai anos, e que traballa na investigación e a loita contra o sarcoma, un descoñecido tipo de cancro.

O Concello de Culleredo, xunto con Emesports, Ainé Producións, Marathon Running Shop e Cume Norte, colaboran para facer posible a actividade deste domingo.