A proba vai camiño de bater de novo todos os records de participación. O martes 23 de abril pecharase o periodo previsto para anotarse tanto na carreira como na andaina, no caso de que non se chegue antes ao límite de prazas.
O Xalo non deixa de sorprender. A tres semanas da celebración de décimoterceira edición da Travesía do Xalo as inscricións superan xa as catrocentas, entre andaina, carreira e probas infantís. Cifras que fan prever unha participación masiva o 28 de abril.
A actividade, que organizan a asociación Castelo Deporte, o Concello de Culleredo e a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, fará que por un día a parroquia cullerdense multiplique por catro a súa poboación, reunindo a preto dun milleiro de persoas, tanto participantes como visitantes.
Para a churrascada que terá lugar ao remate das probas deportivas está prevista a participación de máis de cincuenta voluntarias e voluntarios, que se unirán ás case cen persoas que se distribuirán polo Xalo para garantir a seguridade de corredoras, corredores e camiñantes.
As inscricións, que permanecerán abertas ata o 23 de abril, están abertas a través da páxina web de Castelo Deporte, e para a churrascada será posible mercar tickets desde esa mesma mañá a un prezo de 15 euros.