A Travesía do Xalo suspéndese logo dun accidente de gravidade no monte

Unha participante da andaina foi evacuada no helicóptero do 061 ao redor das 11.00 h., provocando que os esforzos da organización se centraran nesta circunstancia, o que motivou a suspensión do resto de actividades.

­A asociación Castelo Deporte decidiu esta mañá suspender todas as probas da Travesía do Xalo logo dun accidente de gravidade no percorrido da andaina.

Ao redor das 10.00 h. as voluntarias e voluntarios de Castelo Deporte solicitaron a presenza dunha ambulancia medicalizada, o que derivou nunha evacuación no helicóptero do 061 ata un centro hospitalario da Coruña.

O accidente provocou que todos os esforzos da organización se centraran nese momento nestas circunstancia, polo que decidimos a suspensión das probas ao non poder atender con voluntarias e voluntarios suficientes, en condicións de seguridade, os percorridos das carreiras e a andaina.

A suspensión foi comunicada ás e aos participantes nos avituallamentos, e á chegada á polideportiva de Castelo estamos informando da posibilidade de quedar a xantar, ou ben marchar, podendo solicitar a devolución parcial da inscrición.

Suspendéronse do mesmo xeito as carreiras para as cativas e cativos, ao estar todos os esforzos da organización postos en que todas e todos os participantes poidan volver con seguridade a Castelo.
Quedou tamén suspendida a festa prevista para a tarde.

Castelo Deporte lamenta a situación, e agradece a comprensión das persoas participantes coas decisións tomadas, en moi poucos minutos, e coa información que trasladada polas compañeiras e compañeiros voluntarios, e os servizos de emerxencias desde o monte.