A parroquia de Castelo viviu hoxe unha edición moi especial da Travesía do Xalo, marcada pola alta participación, o ambiente festivo e a implicación do tecido asociativo. A cita combinou actividade deportiva, homenaxes, reivindicación social e unha programación aberta a toda a veciñanza e visitantes.
- A proba congregou a máis de 1.000 persoas entre participantes, público e voluntariado, na edición con maior participación da súa historia, con preto de 900 inscricións.
- A xornada combinou competición deportiva, actividades infantís e unha ampla programación festiva arredor da Taberna de Castelo, epicentro social da parroquia.
- A exposición ‘Quince anos no monte’ acompañou a celebración como espazo para percorrer a historia da Travesía e poñer en valor a súa evolución.
Castelo viviu hoxe unha xornada especialmente significativa coa celebración da décimo quinta edición da Travesía do Xalo, unha cita que, quince anos despois do seu nacemento, confirma o seu carácter como moito máis ca unha proba deportiva. O Monte Xalo converteuse ao longo do día nun espazo de encontro no que se mesturaron deporte, convivencia, memoria e participación comunitaria.
Desde primeiras horas da mañá, a parroquia comezou a encherse de actividade. Arredor das nove, participantes e visitantes reuníanse xa na contorna de Casa Rodríguez, a Taberna de Castelo, que volveu exercer como auténtico centro social da xornada. Alí, entre cafés e conversas previas á saída, puido visitarse tamén a exposición ‘Quince anos no monte’, así como unha mostra cos carteis das diferentes edicións, ofrecendo un percorrido pola evolución da proba ao longo do tempo.

A actividade deportiva arrincou coa saída da carreira curta, recuperada nesta edición tras varios anos sen celebrarse, seguida da carreira longa e, finalmente, da andaina. Os percorridos volveron encher os camiños do Monte Xalo de participantes de diferentes perfís: desde quen competía por tempos ata quen aproveitaba a xornada para compartir unha experiencia coas amizades, en familia ou simplemente para gozar do entorno natural.

Na carreira curta, de 9,9 quilómetros e 820 metros de desnivel acumulado, os primeiros corredores cruzaron a meta pouco despois dunha hora de competición. Andrés Flórez Pérez e Susana Capelán proclamáronse vencedores nas categorías masculina e feminina, respectivamente. Pola súa banda, a carreira longa, cun esixente percorrido de 19,5 quilómetros e 2.729 metros de desnivel, deixou como gañadores a Miguel Vázquez Grela e Pauline Jacob tras máis de dúas horas de esforzo.
As probas infantís, celebradas ao mediodía na contorna da polideportiva, volveron poñer o foco nas novas xeracións, que participaron nas súas respectivas categorías nun ambiente festivo, recibindo tamén o seu recoñecemento final.
A entrega de premios contou coa participación de José Ramón Riobóo, alcalde de Culleredo; Manuel Barros, presidente de Castelo Deporte; Susana Espiñeira, vicepresidenta da entidade; María Vázquez, en representación da Comunidade de Montes Veciñais de Castelo e Antonio Leira, deputado de Deportes da Deputación da Coruña. Durante o acto houbo tamén espazo para as homenaxes a persoas e participantes que levan anos formando parte da historia da Travesía, nun recoñecemento ao compromiso sostido no tempo.


A xornada deixou tamén lugar para a expresión colectiva e a reivindicación, coa presenza de veciñanza da Laracha, que compartiu a súa preocupación por proxectos industriais previstos na súa contorna, recibindo o apoio e a solidariedade do tecido asociativo de Castelo.
Co paso das horas, a actividade foi dando paso ao ambiente festivo, cunha gran churrascada popular e unha tarde de concertos a cargo de Mekanika Rolling Band, Los Alcántara e Juego Sucio, que prolongaron a celebración ata a noite.
Nun día acompañado polo bo tempo e pola alta participación, a XV Travesía do Xalo volveu demostrar que o seu valor vai máis alá da competición. Quince anos despois, a cita consolídase como un espazo compartido no que deporte, territorio e comunidade constrúen, xuntos, unha experiencia aberta a todas as persoas que se achegan a vivila.
