A XV Travesía do Xalo presentarase este sábado en Castelo

O acto terá lugar o sábado 11 de abril e servirá para presentar o percorrido, as modalidades e a programación dunha fin de semana que combinará deporte e celebración.

A Travesía do Xalo quenta motores para a súa XV edición cun acto de presentación que terá lugar este sábado 11 de abril ás 11.45 en Castelo.

Durante o encontro, a organización dará a coñecer as principais novidades desta edición, incluíndo as características do percorrido e as modalidades da proba, que volverán levar ás persoas participantes polos camiños do Monte Xalo nunha proposta que combina carreira, andaina e categorías infantís.

A cita servirá tamén para avanzar a programación prevista para esa fin de semana, na que a actividade deportiva compartirá protagonismo cun ambiente festivo arredor da Taberna, que permanecerá aberta de venres a domingo.

Este acto enmárcase nunha edición especial, na que a Travesía do Xalo celebra quince anos de historia no monte, consolidándose como unha das propostas máis recoñecibles do calendario deportivo galego e como unha forma de achegar o territorio á xente a través do deporte.

Ademais, durante a presentación inaugurarase a exposición ‘Quince anos no monte’, unha mostra que percorre a historia da Travesía a través de imaxes e textos, poñendo en valor o camiño feito desde os seus inicios ata a actualidade.

Con esta presentación, a Travesía do Xalo inicia a conta atrás cara ao 25 de abril, unha data sinalada para volver compartir monte, deporte e comunidade.