O Monte Xalo recibirá, un ano máis, a centos de afeccionados ao deporte en entornos naturais na catorce edición da Travesía do Xalo. Será o domingo 27 de abril, con saída e meta na polideportiva de Castelo, nunha cita que organiza a asociación Castelo Deporte coa colaboración do Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña e a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo.
A proba contará, como é habitual, con dúas modalidades: carreira e andaina. No primeiro caso tratarase dun percorrido cronometrado duns dezaoito quilómetros, mentres que todos aqueles que prefiran camiñar farán unha ruta de dez quilómetros. Nos dous casos as e os participantes contarán con avituallamentos e un seguro de accidentes. Na semana previa publicaranse a través da páxina web de Castelo Deporte as distancias definitivas e desniveis.
Haberá tamén carreiras para as máis pequenas e pequenos, a partir das 13.00 horas. Os pequerrechos e prebenxamíns (nados despois do 2018) correrán 80 metros, e os alevíns e benxamíns (nados entre o 2014 e o 2017) percorrerán 250 metros.
As inscricións están xa abertas para todas as categorías e probas, cun prezo de 25 euros para a carreira e a andaina, e de 5 euros para as carreiras infantís. En todos os casos inclúen un agasallo conmemorativo, e para o caso das modalidades para adultos, o xantar que se celebrará en Castelo ao remate das actividades deportivas.
Mellorar a comunidade apoiando a Aspanaes
A Travesía do Xalo deste ano colaborará, por primeira vez, á asociación Aspanaes, que apoia os proxectos de vida das persoas con autismo. En particular, co servicio de atención diurna de Castelo, que desde o seu centro na nosa parroquia ofrece programas de saúde, culturais ou actividades musicais aos seus usuarios. Foi ademais o primeiro centro de Aspanaes, logo da reconversión dunha antiga escola unitaria.
Todas as persoas participantes nas probas poderán achegar unha doazón polo importe que desexen que se destinará integramente á asociación, así como adquirir un dorsal cero co mesmo prezo que calquera das inscricións.