Seis anos despois, a carreira e a andaina solidarias polo parkinson volven ao Burgo, de novo coa colaboración da asociación Castelo Deporte. A cuarta edición da proba organizada pola Asociación Parkinson Galicia-Coruña celebrarase o 10 de maio polo paseo marítimo con distancias de dez quilómetros no caso da carreira e de catro quilómetros no da andaina. Ata 700 prazas están dispoñibles na plataforma de inscricións, á que xa é posible acceder para anotarse.
Todas e todos os participantes contarán cun seguro de accidentes e un agasallo conmemorativo, ademais do servizo de cronometraxe para o caso da carreira. Os prezos serán de 12 euros para os adultos e de 6 euros para os menores de doce anos.
A Asociación Parkinson Galicia-Coruña traballa desde o ano 1996 para apoiar e mellorar a calidade de vida das persoas coa enfermidade de Parkinson, así como a das súas familias, poñendo á súa disposición información e asesoramento, ou terapias específicas, e sensibilizando á cidadanía.