Castelo Deporte doa material para a fabricación de máscaras de protección

A asociación entregou ao redor de trescentas bolsas de texido non-woven a Marisol Martínez, unha veciña de Celas de Peiro que nos últimos días fabrica máscaras de xeito desinteresado para facer fronte ao coronavirus.

Castelo Deporte sumouse esta semana á contención do coronavirus coa doazón dunha parte do material empregado para as súas actividades.

Marisol Martínez, unha veciña de Celas de Peiro que durante estas semanas está a elaborar de xeito desinteresado máscaras de protección para entregalas ás persoas que tanto as precisan, contactou coa asociación indicando que as bolsas de cordóns que habitualmente se entregan nas actividades son dun texido ideal para as máscaras.

A directiva en funcións de Castelo Deporte decidía nese momento a doazón de todas as bolsas destas características almacenadas, ao redor de trescentas, para este fin.