A participante na Travesía do Xalo faleceu esta tarde no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
A asociación Castelo Deporte lamenta o falecemento de Ana Isabel Costa Doval, participante na andaina da Travesía do Xalo, esta tarde no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Pouco despois das dez da mañá, cando se cumprían vinte minutos logo do comezo da andaina, a participante sentiuse indisposta no Rego da Uceira. A ambulancia medicalizada concertada polo Concello de Culleredo achegouse para coñecer o seu estado, e solicitou de inmediato a asistencia do helicóptero medicalizado do 061, que a trasladou ata o centro hospitalario coruñés.
Logo de permanecer en estado grave na UCI durante varias horas, faleceu esta tarde.
A organización suspendeu a proba ao coñecer o incidente para garantir a seguridade do resto de participantes -ao redor dun milleiro- no regreso a Castelo (Culleredo), o punto da saída e meta da proba.
Castelo Deporte quere trasladar á familia da falecida e aos seus achegados todo o seu apoio e agarimo nestes momentos, e agradecer ao Concello de Culleredo, ao servizo municipal de Protección Civil, Policía Municipal, Garda Civil e Emerxencias Sanitarias 061, e a todas as persoas que participaron no proceso de evacuación esta mañá o seu traballo.