O Castelo Conta non se monta nun só día nin depende dun único equipo. Detrás das máis de sesenta actividades que se desenvolverán entre o 24 e o 30 de agosto hai semanas de traballo, preparativos e coordinación, pero tamén unha parte fundamental que se repite cada ano: a implicación das persoas e entidades de Castelo.
Entre elas estará, unha vez máis, Castelo Deporte. As voluntarias e voluntarios da asociación volverán incorporarse ao equipo do festival para colaborar nas diferentes tarefas que implica organizar unha semana que reunirá milleiros de persoas na parroquia.
Serán máis de cincuenta persoas que participarán en labores como a preparación e montaxe dos espazos, a organización dos aparcadoiros, a sinalización, a colocación das cadeiras para os espectáculos ou o apoio ás diferentes actividades e necesidades que vaian xurdindo ao longo da semana.
O seu traballo comezará moito antes de que se escoite o primeiro concerto e continuará durante os diferentes momentos da programación. Para que unha actividade funcione, para que o público atope o seu sitio ou para que un espectáculo poida comezar a tempo, hai moitas tarefas que suceden lonxe dos focos.
A colaboración entre Castelo Deporte e o Castelo Conta vén de sempre e forma parte dun modelo de organización no que as diferentes asociacións e colectivos da parroquia poñen en común o seu traballo. Unha maneira de facer que tamén se estende á Comunidade de Montes e ás propias veciñas e veciños de Castelo, que ao longo destas semanas participan en diferentes aspectos da preparación do festival.
Esta implicación é especialmente importante nunha edición que contará con máis de 80 persoas voluntarias, ademais dos equipos profesionais encargados da produción e dos servizos técnicos. Entre todas elas fan posible que unha parroquia como Castelo poida acoller durante unha semana unha programación que medra cada ano sen perder a súa esencia comunitaria.
