Logo de dous anos de parón provocado pola situación sanitaria, a asociación Castelo Deporte e o Castelo Conta preparan un 2022 para recuperar todo o tempo perdido.
Como en tantos outros ámbitos, pasou naquel marzo de 2020 que parecía que todo sería cousa de semanas. As inscricións para a Travesía do Xalo xa estaban abertas, e todo pasaba por aprazar a actividade se as cousas non melloraban. Traladouse, finalmente, para o remate daquel verán, ata que finalmente foi suspendida.
Suspendeuse tamén o Castelo Conta e a carreira que polas festas percorría o Xalo cada verán. Quedaba agardar a que a pandemia relaxara os seus efectos: por sentido común, pero tamén por responsabilidade coas persoas que con toda a ilusión compartían tempo en Castelo, organizando as actividades ou participando delas.
Nestes dous anos de impás descoidáronse algunhas cousas. As diferentes administracións encargadas de conservar as infraestruturas da parroquia, e mesmo o Monte Xalo, non amosaron o mesmo interese polo coidado dos espazos e instalacións que outros anos, cando a pausa na actividade non é a pausa do deterioro de recursos especialmente expostos á meteoroloxía adversa.
Diante disto, as directivas de Castelo Deporte e Castelo Conta preparan xa unha rolda de reunións coas que esixir ás administracións a recuperación do tempo perdido, con investimentos concretos, especialmente na contorna da Polideportiva de Castelo.
2022 será o ano no que Castelo recuperará todo o tempo perdido: desde Castelo Deporte a intención é a de retomar a Travesía do Xalo, así como diferentes saídas, actividades no verán, e a carreira e andaina nocturna do outono, que contará xa coa súa primeira edición post-pandemia en pouco máis dun mes.
Volverá tamén o Castelo Conta, cunha edición para a que xa se prepara unha ampla programación, e que se celebrará do 22 ao 28 de agosto.