Castelo prepárase para volver ser a capital da cultura no rural

O Castelo Conta apura os preparativos para a súa oitava edición, que xuntará a preto de 10.000 persoas ao longo de toda unha semana de actividades, entre o 21 e o 27 de agosto. Ao redor de 100 voluntarias e voluntarios de Castelo Deporte contribuirán a facer posible o festival, único en Galicia.

Foto: Paula Correa

É a festa que lle deu a volta á festa. Cúmprese unha década da gran verbena que xuntou nun só día a 8.000 persoas para bailar con Panorama e o Combo Dominicano. Tamén do multitudinario concerto dos Heredeiros da Crus na Polideportiva de Castelo. En Castelo síguese festexando o San Ramón por todo o alto, pero faise doutro xeito.

O festival Castelo Conta, que organiza a Comisión de Festas de Castelo coa dirección do actor, cómico, pero sobre todo veciño, Xosé A. Touriñán, chega á súa oitava edición, e trae á parroquia sete días de actividades culturais desde primeira hora da mañá e ata ben entrada da noite.

Xabier Díaz, Celso Sanmartín, Susana Seivane, Belem Tajes, David Perdomo e Touriñán, Familia Caamagno, Xoel López coa súa banda de versións, o Combo Viramundo, Muchachito, Lamatumbá, Abraham Cupeiro, ou os grandes nomes da comedia en galego… A lista é interminable, e paga a pena un percorrido pola web do festival para coñecer todo o que pasará en Castelo -en todas as aldeas de Castelo- desde o próximo luns.

O monte, protagonista

Esta nova edición do Castelo Conta terá un protagonista destacado: o Monte Xalo. Por primeira vez a andaina do sábado cambiará de percorrido, para subir ata a zona do Petón, onde as e os participantes desfrutarán do concerto de Abraham Cupeiro. Será o colofón a unha semana na que se lembrará a importancia de coidar do lugar que acolle esta festa: non se empregarán plásticos dun só uso, e nas actividades para as nenas e nenos das mañás organizaranse prantacións de especies autóctonas.

Foto: Aigi Boga

Castelo Deporte vólcase coa organización do festival

Ao redor de 100 voluntarias e voluntarios da asociación Castelo Deporte formarán parte do equipo que fará posible o festival: unha iniciativa sen ánimo de lucro que tamén conta coa axuda das veciñas e veciños de Castelo en multitude de tarefas ao longo dunha intensa semana de actividades.