Esgotadas as prazas na andaina da Travesía do Xalo

Máis de cincocentas persoas camiñarán o próximo domingo polo Monte Xalo na que será a andaina máis multitudinaria das trece edicións celebradas ata o momento.

O Monte Xalo encherase coma nunca o próximo domingo. Máis de cincocentas persoas participarán na andaina da Travesía do Xalo, que batirá todos os records de asistencia logo de trece edicións desde o ano 2010.

Máis dunha semana antes da celebración da actividade esgotáronse as prazas dispoñibles para a ruta de 10 quilómetros polas sendas dos monte veciñal de Castelo. Decenas de voluntarias e voluntarios de Castelo Deporte traballan desde hai varias semanas para preparar un percorrido inédito, como é habitual no evento.

As e os participantes contarán cun punto de avituallamento para repoñer forzas, e á chegada desfrutarán da churrascada preparada polas veciñas e veciños de Castelo, para a que tamén se venderán racións ás persoas que queiran unirse á festa.

O martes rematará o prazo de inscrición na carreira, para a que aínda quedan prazas dispoñibles, así como para as carreiras infantís.

A Travesía do Xalo está organizada pola Asociación Castelo Deporte, o Concello de Culleredo e a Comunidade do Monte Veciñal de Castelo, coa colaboración de Emesports, Marathon Running Shop e Cume Norte.