Remataron os 16,34 quilómetros da proba absoluta nun tempo de 1 hora e 49 minutos, e 2 horas e 29 minutos, respectivamente. Rubén Gómez, Miguel Arejula, Lydia Rodríguez e Vanesa Mella completaron o podio. Máis de setecentas persoas encheron de cor o Monte Xalo nunha xornada que comezou cun emotivo recordo a Ana Isabel Costa.
Castelo recibiu nesta mañá a varios centos de camiñantes e corredores nunha das grandes citas co deporte de montaña en Galicia. A Travesía do Xalo cumpriu doce edicións cunha das participacións máis masivas dos últimos anos, e cun novo percorrido, desta volta de dezaseis quilómetros no caso da carreira, polos sendeiros dos montes de Castelo.
Na proba absoluta, Fernando Arca e Lucía López impuxéronse cun tempo de 1 hora e 49 minutos e 2 horas e 29 minutos, respectivamente, Rubén Gómez (1 hora, 50 minutos) e Lydia Rodríguez (2 horas, 32 minutos) foron segundos, e completaron o podio Miguel Arejula (1 hora, 52 minutos) e Vanesa Mella (2 horas, 33 minutos). Fixérono logo de percorrer unha ruta de 16,34 quilómetros, cunha altitude máxima de 500 metros, e un desnivel acumulado positivo de 1212 metros.
Nas carreiras infantís, os tres primeiros postos foron para Blas Reboredo, Lía López, Antón Ramos e Adriana Núñez. Ao redor de cincuenta cativas e cativos participaron nas carreiras non competitivas para os máis pequenos.
Na andaina de 10 quilómetros, que contou con case cincocentos participantes de todas as idades, as e os inscritos gozaron dun paseo por camiños inéditos no Xalo, chegando ata a zona do Petón.
Solidariedade
Na Travesía do Xalo falouse, un ano máis, de solidariedade: a Fundación Mari Paz Jiménez, que traballa na investigación sobre o sarcoma, recibiu as doazóns realizadas polas inscritas e inscritos, e entregou uns trofeos especiais ás e aos participantes máis veteráns. Alberto Martínez, representante do padroado da fundación, asistiu á entrega de premios.
Respecto co medio ambiente
Por primeira vez, Castelo Deporte colaborou coa entidade Ecoenbes, que estivo tamén presente na Travesía do Xalo para lembrar aos asistentes a importancia da reciclaxe, e do correcto tratamento do lixo. Colocáronse diferentes contedores para favorecer a separación dos residuos xerados na proba.
O recordo a Ana Isabel Costa
Antes do comezo das probas, a familia de Ana Isabel Costa, participante da edición do pasado ano que faleceu logo de sentirse indisposta na andaina, recibiu un ramo de flores por parte da directiva de Castelo Deporte, e o aplauso e todas e todos os asistentes á Travesía do Xalo.
O Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña, Emesports, Cume Norte, Marathon Running Shop e Ainé colaboraron con esta edición do evento, coa achega de diferentes recursos.
Sumáronse ao esforzo dun cento de voluntarias e voluntarios presentes no monte desde primeira hora da mañá, e da maioría das veciñas e veciños de Castelo, que prepararon a churrascada coa que gozaron os asistentes.