Solidarios pola investigación e a divulgación sobre o sarcoma

Unha vez máis, Castelo Deporte apoiará o traballo que desenvolve a Fundación Mari Paz Jiménez na investigación e a divulgación sobre un dos tipos de cancro máis descoñecidos: o sarcoma. As e os participantes na Nocturna do Xalo poderán realizar as súas doazóns no momento da inscrición, e algúns membros da fundación estarán o 25 de novembro en Castelo para entregar os trofeos aos participantes máis veteráns.

Os Sarcomas son unha variedade pouco común do cancro cuxa detección é moi difícil. Segundo a Organización Mundial da Saúde, existen máis de 150 variedades de sarcomas. Son tan infrecuentes e pouco coñecidos pola poboación e incluso polos profesionais sanitarios que representan o 1% de todos os cancros, diagnosticándose anualmente só 4 ou 5 casos de cada cen mil, pero o índice de falecementos ascende ao 2% do total de cancros. É un cancro “sen fronteiras”, xa que pode aparecer a calquera idade e en calquera parte do corpo.

A Fundación Mari Paz Jiménez Casado é unha organización independente, sen ánimo de lucro, que asume desde 2013 o compromiso de promover, canalizar recursos e esforzos na prevención, a formación e a investigación oncolóxica en sarcomas para axudar a construir un futuro cheo de esperanza, mellorar a calidade de vida dos doentes e ir gañando tempo para salvar máis vidas.

Co seu nome, a Fundación réndelle homenaxe á actitude vital de Mari Paz, que durante a súa enfermidade traballou sen descanso para vencer ao cancro e aliviar o sufrimento doutros na loita contra esta terrible enfermidade.

A Asociación Castelo Deporte colabora desde hai varios anos coa Fundación Mari Paz Jiménez, destinando parte da recadación nas súas actividades para esta entidade en forma de doazóns.

O resto do ano podes axudalos facéndote Amigo da Fundación, e colaborando na medida das túas posibilidades.