Máis de cincocentas persoas participan este domingo na Travesía do Xalo

  • A proba contará con tres modalidades: unha carreira de 18 quilómetros, unha andaina de 10 quilómetros, e dúas carreiras para as máis pequenas e pequenos de 250 e 80 metros.
  • Ao redor de cen voluntarias e voluntarios da asociación Castelo Deporte participan na organización dunha das grandes citas do calendario galego de carreiras de montaña, que acolle a parroquia de Castelo, en Culleredo.
  • A actividade suma ao seu atractivo deportivo o carácter solidario, coa posibilidade das e dos inscritos de realizar doazóns en favor da Asociación Aspanaes, que traballa no apoio ás persoas con autismo e ás súas familias, e que conta cun centro de día en Castelo.

A parroquia de Castelo, en Culleredo, prepárase para recibir este domingo a máis de cincocentas persoas nunha nova edición -a catorce- da Travesía do Xalo. As e os participantes, de todas as idades e procedentes de diferentes puntos de Galicia, percorrerán sendas de 18,3 quilómetros no caso da carreira, de 10,5 quilómetros na andaina, e de diferentes distancias entre os 80 e os 250 metros nas probas para as cativas e cativos.

A carreira, proba estrela da Travesía do Xalo, unha das mellor valoradas do calendario galego, contará cun percorrido con máis de 1.300 metros de desnivel positivo, cunha altitude máxima de 500 metros na parte máis alta no Monte Xalo. As e os inscritos contarán con ata tres puntos de avituallamento ao longo da ruta, e está previsto que os gañadores cheguen a meta en pouco máis de hora e media.

No caso da andaina, o trazado permitirá coñecer novos lugares do Monte Xalo, preparados nas últimas semanas polas voluntarias e voluntarios da Asociación Castelo Deporte e a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, que organizan a actividade.

As carreiras infantís dividiranse en diferentes categorías en función das idades das e dos participantes (pequerrechos, prebenxamíns, alevíns e benxamíns), e terán lugar a partir das 13.30 horas no entorno da polideportiva de Castelo, onde se situará a saída e a meta de todas as probas.

A gran festa do monte

Ao remate das actividades deportivas terá lugar no mesmo recinto un gran xantar, preparado polas veciñas e veciños de Castelo, do que poderá participar calquera persoa que queira achegarse. Cociñaranse ao redor de catrocentos quilos de churrasco e chourizos, acompañado de pan de Carral, torta larpeira de postre, e café de pota.

O Concello de Culleredo, que colabora na organización da actividade, instalará unha gran carpa para acoller ás preto de mil persoas que se esperan, e facilitará tamén duchas portátiles para as e os participantes na carreira. Á tarde haberá, logo da entrega de premios, música para desfrutar da sobremesa.

A solidariedade, protagonista na Travesía do Xalo

Castelo Deporte aposta de novo por darlle ás súas actividades un carácter social, dando a coñecer diferentes iniciativas solidarias, ou mesmo destinando recursos a entidades prestadoras de servizos no ámbito do benestar social. Nesta liña, a entidade colabora coa Asociación Aspanaes, pioneira no apoio ás persoas con autismo e ás súas familias en Galicia, e que conta cun centro de día na mesma parroquia de Castelo.

No momento da inscrición, todas e todos os participantes na Travesía do Xalo tiveron ocasión de doar unha cantidade, de forma voluntaria, a esta asociación.

Sobre a Travesía do Xalo

A Travesía do Xalo celébrase desde ano 2010 e está organizada pola Asociación Castelo Deporte, unha entidade sen ánimo de lucro fundada no ano 2006 que conta con máis de douscentos asociados e asociadas. Máis de cen deles participan directamente na organización da Travesía do Xalo, que tamén fai posible a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo.

O Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña apoian a actividade, ao igual que as empresas Emesports, e Marathon Running Shop.