Máis de cincuenta voluntarias e voluntarios de Castelo Deporte farán posible o Castelo Conta

Un ano máis, a asociación súmase á organización do festival para as tarefas organizativas que implica un evento que, en só unha semana, xunta a preto de 10.000 persoas en Castelo.

Voluntarias e voluntarios de Castelo Deporte preparan as cadeiras para os espectáculos na polideportiva. Foto: Aigi Boga

Son semanas de preparativos pensando en que cada día queda menos: desde o luns 19, sete días de festa con poucas horas de descanso e moito que facer. As máis de trinta actividades previstas na programación do Castelo Conta precisan dun esforzo organizativo no que, de novo, participarán voluntarias e voluntarios da asociación Castelo Deporte.

Serán máis de cincuenta os que axudarán ás montaxes, a organización dos aparcadoiros, a atención ás e aos artistas, a colocación das cadeiras para os espectáculos na polideportiva, ou a preparación dos xantares e as ceas multitudinarias na fin de semana.

A previsión de asistencia para esta edición do festival é similar á de edicións anteriores, pero a programación suma novas citas, como as sesións vermús diarias entre luns e venres, ou máis actividades no Monte Xalo para as cativas e cativos que participarán na programación de Xente Miúda.

O Castelo Conta buscará, de novo, a maior comodidade do público tanto nos espazos para aparcar, as barras de comida e bebida, os aseos ou a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida, sobre o que nestas semanas xa traballa a organización da man das asociacións que colaboran.